CRTVG

Buscar

ERC: "A gobernabilidade de España impórtame un pemento"

Publicado o 08/01/2020 10:59

Para que saíra adiante esta investidura de Sánchez foron fundamentais as abstencións de Esquerra e Bildu. Dixeron, ademais, que estarían moi atentos ás votacións por se algún deputado cambiaba o sentido do seu voto no último momento e nese caso, eles tiveran que pasar algunha abstención a un si para salvar a investidura de Sánchez. Estarían dispostos. 

As súas intervencións tamén foron das máis tensas desta mañá, pola confrontación coas bancadas da dereita. Os deputados de Vox marcharon do hemiciclo cando tomou a palabra o voceiro de Bildu e foron constantes os apupos durante a intervención da representante de Esquerra Republicana, irmá dunha ex-conselleira encarcerada, que asegurou que a gobernabilidade de España "lle importa un pemento" e acusou o PSOE de ser cómplice da situacion dos seus políticos. 

Por Esquerra tomou a palabra Montse Bassa, irmá da ex-conselleira Dolors Bassa, agora en prisión polo 'procés'e, moi emocionada dixo falar como familiar de presa política, o que provocou os primeiros apupos na Cámara. Acusou o PSOE de cómplice de que os seus políticos estean no cárcere. Dixo que pola súa indignación votaría non pero que optarán pola abstención, porque cren no diálogo para construír unha república catalá.

Menos apupos houbo na intervención de Bildu porque os 52 deputados de Vox marcharon do hemiciclo. O voceiro Oskar Matute defendeu a súa abstención, precisamente, para frear a extrema dereita e defenderon a unión dos pobos do Estado contra o poder.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2020