CRTVG

Buscar

Mar España: "Igual que se aprende seguridade viaria é importante saber que límites non hai que pasar en Internet"

Publicado o 06/02/2020 11:45

Mar España Martí, directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) foi entrevistada hoxe no Bos días sobre as medidas e solucións para evitar a difusión de contidos sexuais en Internet e a ferramenta creada para xestionar as solicitudes de retirada de contidos: "Lanzamos unha canle prioritaria e urxente para casos especialmente graves de violencia dixital en Internet. Calquera persoa pode denunciar e nós ordenamos a retirada dos contidos de maneira urxente ás empresas de Internet e, en paralelo, investigamos se pode haber unha infracción", sinalou España Martí.

Na web da AEDP atópase información e recursos para pais e mestres sobre como actuar en caso de coñecer un caso de risco ou mala práctica, especialmente dirixido para axudar os máis pequenos dun xeito sinxelo.

Esta canle, entre outras cousas, "serve para axudar a vítima a que o dano non sexa maior, pero tamén para previr, porque, por exemplo, estamos tendo retiradas dalgúns casos de 'grooming'", que se producen cando "adultos se fan pasar por xente nova con obxectivos sexuais con nenas de 12 anos", afondou a experta. O sistema de denuncia é sinxelo: "Serve cun 'pantallazo' desde o móbil, e que nos digan en que rede social, que blog, que páxina web se están difundindo estas imaxes. Nós valorámolo e en menos de 24 horas sae a orde de retirada do contido de Internet".

España sinalou que "é unha iniciativa pioneira a nivel mundial", e "no 100% das ordes de retirada que demos desde que se puxo en marcha a canle conseguimos que eses contidos xa non existan en Internet", afirmou, antes de sinalar a positiva acollida e colaboración das empresas de Internet.

Un dos problemas é a falta de conciencia entre os máis novos, que en ocasións reciben un móbil a idades moi temperás: "Quero lanzar unha mensaxe de concienciación e prevención, pero os pais teñen a potestade e responsabilidade subsidiaria dos fillos. Estamos falando de temas moi graves que poden esnaquizar a vida dunha persoa".

España explicou que as vítimas son cada vez máis novas e que a nova Lei orgánica de protección de datos é un cambio lexislativo que supón que desde decembro pasado todas as comunidades autónomas teñen que ter reguladas as materias de libre configuración do uso responsable de Internet: "Estamos traballando co Ministerio de Educación e pronto estarán a disposición cursos para profesores e para pais e guías e ferramentas na nosa páxina web, (www.aepd.es)". "Igual que aprenden seguridade viaria é importante saber que límites non hai que pasar en Internet", insistiu, salientando que moitos nenos e nenas reciben un móbil sen ter a madurez para manexalo.

Nos casos de denuncias, a directora da AEPD salientou que as sancións son administrativas, pero se hai indicios de delito "estou obrigada a envialo á Fiscalía de Menores ou de Violencia de Xénero". "Con estes temas, tolerancia cero", pechou.

Noticias web

06/02/2020