CRTVG

Buscar

Francisco Bello, presidente de ASAGA: "Pedimos unha maior renda agraria, pero tamén pedimos dignidade"

Publicado o 26/02/2020 10:38

Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), foi entrevistado esta mañá no 'Bos días' despois da reunión do Consello de Ministros celebrada onte en que se aprobaron parte das demandas do medio rural.

 Os gandeiros e agricultores, segundo demandou Bello, "pedimos unha maior renda agraria, pero pedimos dignidade. Sobre todo, para a profesión do gandeiro", porque "o noso poder cada vez é menor, e vese reducido o número de explotacións ano tras ano", manifestou. "Cada vez Europa esixe máis e ponnos restricións de todo tipo", expuxo.

Francisco Bello advertiu: "Hai que facer unha chamada seria aos políticos para que dunha vez por todas poñan en valor a produción de alimentos agrícolas e agrarios, porque non ten sentido que un litro de leite custe menos que un litro de auga", e pediu colaboración cidadá á hora de mercar produtos agrícolas nacionais: "O mercado de proximidade está axudando a economía de moitos lugares e vilas que non teñen moitas alternativas se desaparece o sector lácteo e o sector agrario".

O presidente da ASAGA tamén se referiu á necesidade das axudas da Política Agraria Común: "Moitas das explotacións galegas obteñen agora unha renda que permite seguir subsistindo en base a eses fondos europeos", polo que "se desaparecen as axudas, seguirán desaparecendo granxas", rematou.

 

Noticias web

26/02/2020