CRTVG

Buscar

Víctor Novo: "O máis perigoso da praga é o movemento incontrolado de patacas"

Publicado o 05/12/2019 11:53

Víctor Novo, xefe do Servizo de Sanidade de Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural, falou hoxe no Bos días sobre a praga da couza, que se detectou hai dúas semanas en A Laracha e Carballo.

En canto ás medidas que se van adoptar, Víctor Novo di que "as medidas están dentro dun protocolo xa establecido para a erradicación de pragas. Hai que ter en conta que foi un foco moi localizado, os dispositivos de control funcionaron perfectamente xa que foi unha detección precoz. Os protocolos márcannos, en principio, unha vez que se detecta, a inmobilización da pataca, a súa eliminación e un dispositivo de control nos arredores para verificar que está nunha zona moi concreta".

Víctor Novo tamén explica que "probablemente se trate dunha mala praxe. O máis perigoso desta praga é o movemento da pataca e o máis seguro é que se sementase pataca contaminada".

O xefe do Servizo de Sanidade de Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural di que "esta praga é unha praga de almacén, é dicir, pode continuar o seu ciclo biolóxico no almacén e non só no campo. É unha especie que ten xeracións constantes, tanto en pleno inverno coma na época de cultivo.

E sobre as feiras, Víctor Novo dixo que "dende a Consellería de Medio Rural sempre temos contacto coa xente responsable de feiras e mercados porque o que máis nos preocupa é o movemento incontrolado de patacas. Temos que concienciar a xente de que é importante controlar o movemento, que non haxa movemento para fóra dende zonas infestadas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/12/2019