CRTVG

Buscar

Néstor Rego: "O noso apoio ao goberno de coalición estará condicionado a que se atenda a axenda galega"

Publicado o 22/11/2019 10:33

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, asegurou nunha entrevista no Bos días que viu boa disposición nos socialistas para dialogar, e confía en que isto acabe traducíndose en melloras para as condicións de vida de todos os galegos.

Rego cre que Galicia afronta uha grave crise económica, principalmente no ámbito industrial, que, ao seu entender, non está sendo atendida nin polo Partido Popular nin polo Partido Socialista.

O voto do BNG, dixo, vai estar condicionado a que se poñan solucións sobre a mesa e que se teña en consideración a axenda galega.

O deputado do BNG asegurou tamén estar á espera de que se coñeza o programa do novo goberno de coalición porque, segundo dixo, o documento feito público non é nada concreto.

Rego cre que hai que impulsar outro tipo de política baseada no diálogo para solucionar conflitos e recoñecer finalmente a pluranacionalidade do estado español e que Galicia é unha nación.

O BNG defenderá en Madrid cuestións que para a súa formación son moi importantes como a defensa do dereito á autodeterminación e a defensa de soberanía para Galicia; pero Rego dixo que son conscientes de que a sociedade galega pide que a presenza do partido en Madrid sirva para avanzar en benestar e calidade de vida dos galegos.

Para iso, dixo, fai falta entender que non só Cataluña ten problemas, que tamén os ten Galicia e que hai que darlles solución. Entre eles falou da necesidade de lograr a transferencia da AP-9, e de atallar a grave crise demográfica e industrial.

Finalmente, Rego mostrouse esperanzado nos bos resultados que o BNG vai ter nas próximas eleccións autonómicas e que vai determinante para lograr un cambio que, ao seu entender, Galicia precisa e que a sociedade galega agarda. Rego cre que Ana Pontón é, a día de hoxe, a mellor candidata do BNG á presidencia da Xunta. 

Noticias web

22/11/2019