CRTVG

Buscar

Luca Chao: "Cando chegue o momento decidirase democraticamente quen encabeza a candidatura para derrotar a Feijóo"

Publicado o 28/11/2019 10:42

A voceira parlamentaria do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, foi entrevistada este xoves no Bos días. Centrada na análise da actualidade política, a conversa comezou arredor dos pactos que se aveciñan para acadar unha nova investidura para a presidencia do Goberno, sobre o que Chao expuxo: "É tempo de normalizar o que ocorre nun Parlamento onde non hai maiorías absolutas, hai que chegar a pactos e acordos".

A voceira sinalou que Galicia será tida en conta na axenda política do novo Goberno que se está fraguando, e Galicia en Común será a peza clave. Chao engadiu: "Os temas que preocupan a cidadanía galega son os que preocupan os nosos deputados e deputadas", polo tanto, no Goberno "van defender os principais problemas de cidadanía galega". Recoñeceu tamén que as eleccións do pasado 10 de novembro "abriron a porta a unha precampaña" de cara ás eleccións autonómicas de Galicia. O resultado destes comicios "permítennos ser optimistas", asegurou, porque pode abrirse "unha porta de cambio en Galicia" para poder "traballar nunha alternativa feminista e ecoloxista".

Na conversa con Fran López Iglesias, a voceira fixo referencia aos problemas industriais de Galicia, incidindo en Endesa. Segundo Chao, "un de cada tres postos de traballo que se destruíron na industria foron en Galicia" e, sobre este problema "hai partidos que din que hai que actuar agora, pero nós xa o dixemos hai catro anos". Falou tamén do despoboamento no rural galego, e preguntouse: "Como vai quedar a xente no rural se lle pechan o hospital, a sala de partos ou as aulas de ensino? Non nos parece coherente". Unha das medidas para loitar co despoboamento, segundo a voceira, é "blindar os servizos públicos" e, ademais, "en Ourense o problema da demografía é máis importante, e pecharlles a sala de partos de Verín supón agravarlles a situación", detallou.

Luca Chao tamén respondeu sobre se Yolanda Díaz encabezaría o seu partido nas vindeiras eleccións autonómicas, afirmando que a decisión se tomará "como se decide todo no noso partido, democraticamente". Para Chao, "Yolanda sería unha estupendísima candidata, como moitas outras persoas que forman parte do noso espazo", e rematou afirmando: "Cando chegue o momento decidirase democraticamente quen ten que encabezar a candidatura para derrotar a Feijóo".

Noticias web

28/11/2019