CRTVG

Buscar

Ivan López (AGARBA): "A pesca é o único asunto en que os británicos teñen a iniciativa, no resto dependen das concesións da UE"

Publicado o 30/01/2020 13:53

Iván López, director xeral de Pesquera Áncora e presidente da Asociación Nacional de Buques de Pesca de Bacallau (AGARBA), foi entrevistado esta mañá no 'Bos días' da Televisión de Galicia. Conversou sobre as consecuencias da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Nos próximos once meses as dúas partes terán que acordar o marco desta nova relación: "Hai que negociar un acordo da pesca e outro tratado comercial" e "a flexibilidade de ambas partes para atopar solucións transitorias sería o que permitiría un 'brexit' máis duro ou pragmático", sinalou López.

"A pesca é o único asunto en que os británicos teñen a iniciativa, en todo o resto dependen das concesións que poidan sacar da Unión Europea", afirmou López, e, posteriormente fixo unha comparativa: "A pesca é o 0,04% do PIB do Reino Unido; os servizos financeiros, o 7%. Digamos que os mesmos problemas que temos nós para chegar a un acordo con eles no tema pesqueiro, eles vanos ter con nós no tema financeiro, e xa veremos por onde pesa máis", afondou. Amais, "hai unha cousa que está asinada, literalmente, desde onte, e é que a orde de organización é primeiro a pesca e logo os acordos. Se non hai avances en pesca, non se falará do tema comercial".

Iván López tamén sinalou que o Reino Unido "por unha vez, ten moitos máis problemas, moita máis dependencia e xoga a súa viabilidade no norte de Europa que aquí". Ante esta situación, "o importante son as regras do xogo" e "lamentablemente, cun espazo de catro meses, porque comezarán as negociacións o 3 de marzo e hai que telo listo o 30 de xullo, non hai tempo real porque tampouco a Unión Europea as ten moi claras”, rematou.

Noticias web

30/01/2020