CRTVG

Buscar

Ignacio López-Goñi, catedrático de microbioloxía: "De todas as pandemias saímos máis pobres e con maiores diferenzas sociais"

Publicado o 13/11/2020 10:52

• "A historia da Humanidade foi unha historia das pandemias"

• Sobre o papel das redes sociais: "É a primeira pandemia que vivimos 'a tempo real'"

Aínda que as miradas están postas na posible chegada das vacinas contra o SARS-Cov2, o horizonte das pandemias estarrícase moito máis lonxe do que poidamos crer.

Ignacio López-Goñi, catedrático de microbioloxía da Universidade de Navarra, acaba de publicar Preparados para la próxima pandemia, unha obra que analiza con visión de futuro os retos da humanidade fronte ás pandemias. No Bos Días tivemos a oportunidade de falar con el.

A Humanidade e as pandemias

López-Goñi aborda a cuestión dun xeito crítico, facendo "unha reflexión dende a ciencia" que vén a dicir que "só a ciencia, o coñecemento e a cooperación" van poder sacarnos desta e de próximas pandemias.

O pulso do presente fai esquecer que en tempos pasados pasaron por situacións moi semellantes en reiteradas ocasións e con resultados significativamente máis devastadores no sanitario. "A historia da Humanidade foi unha historia de pandemias", asegura.

Poida que as epidemias globais se diferencen no contexto temporal, social e tecnolóxico, mais conservan "algunhas cousas en común: moita xente xunta, movéndose, o contacto con animais...".

Son factores que se repiten e dan lugar a resultados semellantes. Ao impacto sanitario e social vén unha onda de maior alcance e duración de carácter económico. En consencuencia a esa causa, explica o experto, un terrible efecto: "De todas as pandemias saímos máis pobres e con maiores diferenzas sociais”.

Unha visión global a longo prazo

Malia que o xermolo da pandemia agromou lonxe, a maioría de países non tomaron precaucións a tempo. A situación sobreveu ao mundo, aínda que de xeito gradual, con grande rapidez e falta de celeridade dende as institucións.

Unha vez sumidos nun escenario insólito e complexo, tocaba reaccionar cunha visión máis longopracista, recoñece López-Goñi. "Teriamos que aproveitar esa primeira vaga para reforzar o noso sistema sanitario".

Con todo, a xuízo do catedrático, ese labor de cara ao futuro, debía (e debe) ter o foco nas raíces do problema e non nas pólas. Poñer o "foco non nas UCI", senón "evitar que cheguen aí", reforzando a atención primaria, a saúde pública e o rastrexo.

Asegura que para afrontar esta e as vindeiras vagas (ou pandemias), é preciso abandonar a "medida curta" e adoptar "unha visión máis de sanidade pública e sanidade global, moito máis ampla".

O extintor para salvarnos

López-Goñi pon a atención na necesidade de darlle á ciencia o valor que ten na loita contra estes retos. "Nos últimos 20 anos estamos a sufrir máis problemas" coas enfermidades infecciosas, explica, polo que é preciso "investir en ciencia e coñecemento". 

Pon de exemplo na actualidade o traballo de rastrexo. Entende que "é mellor sobreactuar (...) que quedar curto", previr tendo de máis que quedar escasos. Facendo un símil, "é como o extintor que ten na casa", pero que esperas non ter que usar.

Sobre a vacina e a impaciencia, inciden en que "as cousas non se fan da noite á mañá" e que sen os devanditos investimentos, non podemos agardar ter resultados rápidos. Ademais, engade, cre que "que vai ser longo" o proceso.

 Con todo, asegura que "vai haber múltiples opcións en 2021 e 2022". Pero lembra que polo momento o mellor é a prevención e os "filtros de control", tanto da cidadanía como das autoridades sanitarias.

Unha pandemia a tempo real 

A Sociedade da Información é un escenario que dá a estas crises globais un xeito distinto de entenderse e contarse. Vivimos, en palabras de López-Goñi, a primeira pandemia "a tempo real".

E neste marco, agroman grandes cantidades de desinformación, os fake news e os bulos acaban propagándose a grande velocidade, "maior velocidade ca o propio virus", di o experto.

Pero non apunta idrectamente ás redes sociais como actores desinformadores, senón ao uso que destas facemos destas e o "exceso de información a grande velocidade" que existe.

 Neste sentido, advirte, “teremos que aprender a como comunicar en tempos de pandemia

Falta de consenso

"Unha pandemia non se vence con ideoloxía", asevera. Critica con vehemencia a xestión en xeral da pandemia por parte dos actores políticos, a que considera "un descontrol absoluto", e ve "necesario un gran pacto".

"Sorprende que non haxa unha unidade absoluta para loitar contra o maior problema que temos neste siglo", lamenta. Xoga un papel fundamental o asesoramento científico, que debe ser, baixo o seu criterio, multidisciplinar e independente.

Así e todo, quen "toma decisións é o político" e o asesoramento que exista para combater a pandemia "ten que ser absolutamente transparente e público”, conclúe.

Noticias web

13/11/2020