CRTVG

Buscar

Xurxo Hervada: "Seguimos en fase de contención, aquí non hai circulación do virus"

Publicado o 05/03/2020 10:49

Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, foi entrevistado esta mañá no Bos días para falar sobre a situación do coronavirus en Galicia logo de que onte se confirmara o primeiro caso na comunidade.

"Seguimos investigando casos sospeitosos, pero afortunadamente son negativos", comezou.

O home, de 49 anos, ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, desprazouse desde Madrid ata A Coruña nun coche compartido, e as persoas que o acompañaban "están localizadas e en boa situación", expuxo Hervada. Ademais, explicou que contactan todos os días con elas para facerlles un seguimento, xa que "son contacto dun caso positivo e tense que vixiar a súa sintomatoloxía e a súa temperatura". O máis importante, sinalou, son os primeiros días, posto que "normalmente, ata o segundo ou terceiro día non aparece a sintomatoloxía".

Sobre a posibilidade de que existan máis casos en Galicia, Hervada sinalou: "Non sería de estrañar que nos aparezan máis casos, o importante é que non sexan de transmisión comunitaria en Galicia", e explicou que o Sergas vai implantar unha nova proba de identificación deste virus, que suporá "unha automatización do proceso" e coa que se "a posibilidade de erro é moito menor". "Vanse empezar a introducir en Coruña xa esta semana que vén, e noutros hospitais seguramente en días sucesivos", dixo.

Hervada expuxo que "seguimos na fase de contención" e "buscamos conseguir que ese virus non empece a circular na nosa poboación, e iso dependerá tamén da evolución do noso entorno", antes de lembrar a importancia da hixiene para evitar os contaxios.

Sobre os casos dos estudantes que retornaron das súas estancias en zonas de alta incidencia, o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Xunta de Galicia recomendou: "En canto noten o mínimo malestar, febre, tose, falta de aire ou outros síntomas respiratorios, que contacten co 061 e comenten a súa situación".

Noticias web

05/03/2020