CRTVG

Buscar

Juan Díaz Villoslada: "Haberá un control estrito das medidas de seguridade nas terrazas"

Publicado o 13/05/2020 09:34

Coa apertura das terrazas da hostalaría desde o pasado luns detectáronse incumprimentos en varias cidades galegas, por parte tanto dos hostaleiros como da clientela. Por iso, nas principais zonas de terrazas, as autoridades locais están intensificando os controis.

Na Coruña, o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, explica: "Tratamos de reconducir a situación, con máis inspeccións da policía local e tamén facendo un chamamento á responsabilidade colectiva". E advirte: "Esixiremos o cumprimento estrito das medidas obrigatorias porque non queremos dar pasos atrás". Nese sentido, insiste en que "a policía local traballa xa a fondo para controlar o cumprimento das normas".

Os responsables municipais mantiveron xuntanzas coas asociacións locais e provinciais de hostaleiros, aos que agradecen "a disposición máxima a colaborar" porque "a hostalaría ten que tirar para adiante, pero o primeiro é a saúde pública".

Díaz Villoslada explica que as infraccións "foron casos puntuais", pero detectáronse casos de "establecementos que colocaron terrazas non autorizadas, mesas a menos distancia que os dous metros mínimos e clientes sen distancias entre eles".

Por iso, no Concello "apelamos á responsabilidade de todos", conclúe o concelleiro.

 

Noticias web

13/05/2020