CRTVG

Buscar

Atopan a arma empregada polo autor confeso do triplo crime de Valga

Publicado o 16/09/2019 20:36

• José Luis Abet indicoulles aos axentes que o révolver, xunto a unha caixa de munición, estaba no río Tambre

Eran as oito e media da mañá. E varios veciños escoitaron uns estalos. Pero ninguén podía imaxinar que nesta casa de Cordeiro acababa de producirse un triplo asasinato.

"Escoitei os disparos e despois houbo un intervalo de pouco tempo e volvín escoitar outros disparos. Pero eu pensei que eran foguetes das festas, como hai festas por aquí arredor, pero despois xa me chamou un veciño que viñera que fixera iso", relata un veciño. 

Javier Losada, delegado do Goberno: "A muller saía cos fillos para o colexio, atopouse co seu ex-marido. Tivo a oportunidade de chamar a súa nai e a súa irmá, e nese intervalo prodúcense os tiros dentro do coche da ex-muller. E xa fóra, nas inmediacións da casa familiar, da ex-sogra e ex-cuñada".

Despois, o home fuxiu a Ames, á casa dos seus pais. Dende alí chamou a Garda Civil para entregarse.  

Javier Losada, delegado do Goberno: "A Garda Civil puxo en marcha un dispositivo na zona e ao cabo dunhas horas recibiuse unha chamada en Ames de que unha persoa se entregaba".

Os axentes detivérono na casa. Mentres tanto, no lugar dos feitos traballou durante toda a mañá un equipo de investigadores baixo as ordes do fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra.

A investigación segue adiante. Durante boa parte da mañá o fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra estivo presente na recollida de probas no lugar dos feitos. O detido permanece en dependencias da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, e está previsto que pase a disposición xudicial a partir das dez da mañá deste martes en Caldas de Reis, onde o xulgado número 2 se fixo cargo da instrución do caso.

Os menores, de 4 e 7 anos, estan nestes momentos cun veciño, que ten fillos que son amigos, pero está previsto que queden na casa dun familair directo. O alcalde deste concello indicou que a decisión se tomou de acordo co equipo de psicólogos e que se descartou a opción da vivenda do seu avó, posto que non se veu "acertado", dado que dela van "faltar a súa avoa e a súa tía".

Con este asasinato, son xa 41 as asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas no que vai de ano e 28 os menores que quedaron orfos. Desde 2003 1.016 mulleres foron vítimas de crimes machistas.

Ademais, este é o segundo asasinato machista que se produce en Valga neste ano, un concello duns seis mil habitantes. No mes de marzo un home matou a súa muller cunha escopeta de caza e despois suicidouse.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí