CRTVG

Buscar

Entre albóndiga e almóndiga, entre a norma e a fala da rúa

Publicado o 24/09/2019 15:33

Sentar a consultar dicionarios en plena rúa é unha viva mestura entre o que se le e o que se oe. "Eu de dicionarios non sei, que non leo dicionarios. Pero falo, oio".

Pois atendamos á palabra do día, que en galego normativo se di albóndega. Albóndega, sen máis. Pero na rúa, en Vilagarcía... "Eu tamén digo 'almóndiga', con m". "Estaba recollido pola RAE, non?".

A Real Academia Española recolle 'almóndiga', si, pero desaconsella o seu uso por consideralo un vulgarismo. Recomenda "albóndiga", con b. Pero os portugueses din almôndiga, con m. Cousas das venerables academias.

Pero a rúa é tamén venerable. "Penso que o que din as academias sería máis importante". "Defendo moito o uso libre das palabras porque á miña avoa non hai quen lle quite o "intergal". No canto de integral, ela di "intergal".

'Almóndiga' para a RAE é o mesmo caso ca "madalena" sen g, un vulgarismo que se debe evitar. 

"Eu son de "magdalena", pero respecto os que din madalena".

Pois a norma en galego di madalena. Inútil buscar ese g no dicionario da Real Academia Galega. E inútil buscar no dicionario e na rúa aquilo de 'cocreta'. 

"Ás veces de broma pídenche "cocretas" e bótanse a rir, pero non é o habitual".

O habitual é que a rúa acabe metendo as palabras no dicionario, e non ao revés. 

"Ten que haber unha normativa á que recorrer, pero tamén ten que haber no oral diversidade". "Eu falo así, e enténdome". 

Si, a cuestión é entenderse. E saber atender ao rigor dos dicionarios e tamén á lingua viva da rúa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2019