CRTVG

Buscar

Entran roubar no campo de fútbol do Negreira e levan 3.000 euros en material

Publicado o 11/11/2020 14:44

Cubertos pola noite e provistos de, polo menos, unha furgoneta. É como se debuxa a acción do roubo descuberto esta semana no campo de fútbol do Negreira.

Sospeitan que, polo menos, houbo dous autores, que entraron pola porta principal, quitando os gonzos. Fixeron un burato para poder entrar na zona de vestiarios, onde forzaron outra porta e foron escollendo o botín. Volveron saír por onde entraran co material, entre o que descartaron as lavadoras, quizais polo que pesan.

"Levaron tres secadoras, levaron estufas, un radiocasete que tiñamos para os xogadores, un portátil... material que utilizamos aquí durante a tempada. Para nós é de gran utilidade e agora mesmo non contamos con el", di Álvaro Lira, presidente da Sociedade Deportiva Negreira.

Roupa tamén lle levaron, uns chaquetóns que non tiñan serigrafía, di o presidente que o material co logotipo do clube o deixaron. Tamén deixaron bastantes estragos en mobiliario, albanelería e nas portas con este balance provisional.

"Pensamos que sobre 3.000-3.500 euros é a contía dos danos que nos fixeron. Demos parte á Garda Civil e estamos agardando que poidamos ter unha resposta por parte do seguro".

O responsable do equipo de fútbol de Negreira considera que o que lles acaba de pasar tamén deber servir de alerta para outros.

"Esta situación que temos de campos sen actividade e co toque de queda, as instalacións están máis desamparadas. E desde logo isto é un aviso para todos os clubs da comarca, que teñan coidado e que traten de revisar as instalacións e ter un poco máis de control dos campos".

Álvaro Lira amosa a súa esperanza en que a evolución da pandemia favoreza a reapertura de campos para darlles a utilidade propia a instalacións coma esta, sen actividade desde marzo.

Noticias web

11/11/2020