CRTVG

Buscar

Entran nun garaxe de Sarria e baleiran os extintores sobre uns vinte coches

Publicado o 11/06/2019 13:37

A Garda Civil investiga a autoría duns actos vandálicos que afectaron unha vintena de vehículos en Sarria. Entraron nun garaxe e baleiraron ata catro extintores sobre os coches. Como resultado, os automóbiles e boa parte do local quedaron cubertos dun po fino que pode avariar os motores. 

Con todo cuberto cunha capa de po fino, así quedou boa parte deste garaxe de dúas plantas en pleno centro de Sarria como resultado da acción dos vándalos. Crese que foron varios os individuos que entraron pola noite e que baleiraron ata catro extintores sobre unha vintena de vehículos.

"Uns señores entraron e baleiraron uns cantos extintores no local, enriba dos coches e de todo o demais".

"Topeime con todos os cohes brancos e o chan todo cheo de po branco e pensei que era porque hoxe tiñan que limpar os garaxes, que cunha máquina levantaran po, pero agora sei que foi porque alguén andou a xogar cos extintores".

Os afectados xa presentaron denuncia ante a Garda Civil, que está a investigar a autoría dos feitos. Temen que este acto vandálico deixe danados os motores dos vehículos que quedaron cubertos de po, posto que ao ser tan fino pode tupir os filtros e provocar avarías mecánicas. Por outra banda, o ocorrido complicou os labores de limpeza do garaxe.

"Está perdido. Normalmente límpase máis fácil. Agora hai que limpar lámpadas, luces de emerxencia, portas... Todo, completo".

"O problema deste poíño é que hai que ter coidado ao acender o coche. Hai que apagar a calefacción para que non entre o po, posto que pode atascar os filtros do coche. O problema non é só o lavado. Despois non te dás de conta e podes ter problemas de filtros e de gomas, que se poden tupir".

"Púxose unha denuncia. Viñeron recoller o disco duro das cámaras e agora está todo en mans da Garda Civil e da empresa que vai revisar as cámaras para ver quen sae nesas gravacións".

No mesmo garaxe xa entraran noutras dúas ocasións a roubar nos coches.

Noticias web

11/06/2019