CRTVG

Buscar

Entran a roubar nunha vivenda de Silleda mentres os donos estaban no piso inferior

Publicado o 07/11/2019 14:17

Co susto aínda no corpo, Pepe e Amelia dirixíanse esta mañá desde a súa casa en Laro, no concello de Silleda, ata as dependencias da Garda Civil para denunciar o asalto que sufriron hai uns días arredor das dez da noite, mentres vían a televisión. Amelia conta como o seu home escoitou pasos no piso de arriba e ela subiu para comprobar se había alguén. Cando abriu a porta do seu cuarto viu como saltaba un home desde a fiestra.

Amelia puido ver perfectamente como o asaltante saltaba desde a fiestra do seu cuarto e, ao asomarse, comprobou que non estaba só.

"Vin que eran tres, homes novos e áxiles porque saltaron desde unha altura de máis de catro metros".

Unha fuxida que tamén escoitou o veciño da casa do lado, cando saltaron pola ventá. Malia seren sorprendidos en flagrante, os ladróns tiveron tempo de desvalixar os xoieiros da casa e levaron os cartos que atoparon.

"Levaron todo o ouro e os 500 euros que o me home fora sacar ao banco esa mesma mañá".

A Garda Civil investiga o sucedido. As vítimas non teñen moitas esperanzas de recuperar o que lles roubaron.

Noticias web

07/11/2019