CRTVG

Buscar

Entra en vigor o peche do ocio nocturno, que se sente en "indefensión total"

Publicado o 17/08/2020 14:16

O ocio nocturno baixa a reixa sen saber cando volverá levantala. O sector acolle a medida con indignación e preocupación. A situación, din, condena moitos locais ao peche definitivo e á perda de milleiros de postos de traballo.

"Criminalizouse o sector, é triste dicir que en Galicia non se deu ningún positivo nos locais de ocio nocturno, estamos nunha situación de indefensión total", di Jose Diz, empresario do ocio nocturno.

"É un desastre, é un problema económico grande, agora se beneficia sanitariamente benvido sexa, pero o triste é que sempre sexamos os máis castigados", engade José Luis Asenjo, da asociación provincial de ocio nocturno de Pontevedra. 

Tamén se limita a actividade da hostalería. Adiántase a hora de peche a unha da maña, pero a partir da media noite xa non poden acoller novos clientes. E volven ao capacidade máximo de dez persoas por mesa.

"A xente de fóra antes de ir para o hotel viña tomar a última copa pero hai que esforzarse un pouco todos", comenta o hostaleiro Antonio Blanco.

Danse recomendacións tamén para as reunións sociais, sempre entre grupos de convivencia e non máis de dez persoas.

"Canto menos sexa a agrupación menos risco de contaxio", recórdannos na rúa. "Fastidia pero é necesario, hai que facelo"... Con todo, hai quen recorda tamén que "a xente que non cumpre as medidas vai seguir facendo o que lle da a gana".

Este paquete de medidas foi aprobado polo Goberno en coordinación coas comunidades autónomas. As primeiras en aplicalas foron a Rioxa e Murcia. Hoxe sumábanse Galicia, Andalucía, Cantabria e Castela León, o resto farao ao longo da semana.

Noticias web

17/08/2020