CRTVG

Buscar

En vigor o decreto polo que os concellos poden transferir os seus aforros ao Estado

Publicado o 05/08/2020 14:52

Hoxe entra en vigor o acordo asinado coa FEMP para que os concellos que queiran transfiran ao Estado os seus aforros. O Goberno central comprométese a devolverlle os cartos nun prazo máximo de quince anos a partir do 2022, cinco anos máis dos que anunciaran.

Os alcaldes do PP van recorrer ao Tribunal Constitucional porque cren que se invade as súas competencias. Para Antonio González Terol, vicesecretario de Política Territorial do PP, "este acordo, o da expropiación dos aforros dos concellos, supón un corralito aos aforros públicos dos cidadáns".

Hai críticas tamén dende as filas socialistas. O presidente de Aragón non ve con bos ollos que o Goberno dea 5.000 millóns de euros só aos concellos que transfiran remanentes, excluíndo os que teñen déficit. É o caso de Zaragoza, onde vive a metade da poboación da comunidade. Javier Lambán ofreceulle o seu apoio ao alcalde popular da cidade "para que se arbitren outro tipo de solucións que non deixen desamparados a estes concellos".

Xa lles contestou o presidente da FEMP. Di que só quedan excluídos uns 200 dos máis de 8.100 concellos que hai en España, e ao PP lémbralle que os consistorios non poden gastar os seus aforros por unha lei aprobada por ese partido.

Para Abel Caballero, "este acordo resolve o problema e o PP non quere que este problema, que crearon eles, o resolva o goberno de Pedro Sánchez". O Goberno central ten agora trinta días para convalidar o decreto lei no Congreso.

 

Noticias web

05/08/2020