CRTVG

Buscar

Os traballadores das auxiliares din que no aluminio hai outros 500 postos de traballo directos dos que non fala Alcoa

Publicado o 02/06/2020 10:19

Traballadores de Alcoa e tamén das auxiliares teñen barricadas montadas, con queima de rodas, como medida de presión, vinte e catro horas antes de reunirse co Ministerio de Industria. Non os paran nin as dúas boas noticias que soan nas últimas horas: o anuncio da ministra de aprobar o estatuto electrointensivo en poucas semanas, nin o interese do grupo Alibérico, o primeiro negocio privado do aluminio dirixido por un empresario galego, na posible compra da factoría. Hoxe volven manifestarse.

Os traballadores das auxiliares din que eles tamén están afectados directamente e que non están inclúidos nesa cifra que supera os 550 despedimentos. Enrique Rocha, voceiro dos traballadores das empresas auxiliares calcula que entre o aluminio e alúmina hai uns 1.000 postos de traballo, deles serían uns 500 os que traballan no alumnio e que habería que sumar aos da propia Alcoa.

"Hai algunhas auxiliares que só traballan no aluminio e estarían abocadas ao peche", di Enrique Rocha. Engade Rocha que se pecha Alcoa "é a morte da comarca porque Alcoa é o motor da Mariña". "Toda a Mariña lucense, agás os da pesca, vive directa ou indirectamente de Alcoa".

"Queremos que nos escoiten os dirixentes políticos, tanto na Xunta de Galicia como no Goberno central, que fagan o seu traballo que é buscarnos unha solución e diálogo que nos ímos loitaremos ata o último día, é o noso pan", reclama o voceiro dos traballadores das auxiliares.

O anuncio de que o estatuto electrointensivo estea aprobado en poucas semanas podería ser unha solución. Di Enrique Rocha que "a longo prazo é unha solución, pero tememos que para nós non chegue, que non se aplique antes de de que formulen o ERE, e se chega cando xa esteamos pechados non nos vale de nada. Por iso pedimos a intervención para que Alcoa peche a factoría e o estatuto para darlle viabilidade de futuro. Necesitamos unha viabilidade de futuro".

 

Noticias web

02/06/2020