CRTVG

Buscar

Enfróntase a 12 anos e medio de cárcere por matar a amiga coa que vivía en Boiro

Publicado o 09/12/2019 13:52

O xuízo, que se celebra na sección da Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago, comezou coa elección dos nove membros do xurado popular mailos dous suplentes. O acusado exponse a unha pena de doce anos e medio de cárcere. A fiscala acúsao de acoitelar mortalmente unha amiga despois de discutir por cartos.

Os feitos sucederon a madrugada do 31 de xullo de 2017, na casa dela en Triñáns, Boiro, onde el vivía tamén desde había dous meses. A muller morreu no acto como consecuencia da hemorraxia interna provocada ao recibir polo menos dúas puñaladas na aorta cun coitelo de 15 centímetros de folla.

Na súa declaración, que continuaba este mediodía, recoñeceu que pelexaron e que a acoitelou aínda que non quería matala. Alegou que durante todo o día anterior estivera bebendo e que ambos os dous eran consumidores de cocaína.

O seu avogado pediu que se teña en conta que lle fixo varios torniquetes á vítima e que chamou o 112. Tamén sinalou que segue un tratamento para controlar os impulsos e sobre violencia de xénero na prisión de Teixeiro, onde permanece ingresado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/12/2019