CRTVG

Buscar

Tres enfermeiros de Ourense alugan un avión para chegar a tempo a dous exames

Publicado o 10/05/2019 21:06

Tres enfermeiras e un enfermeiro de Ourense decidiron alugar un avión privado para poder presentarse a tempo ás oposicións do domingo en Galicia e Madrid. O exame nun dos sitios é pola mañá e o do outro pola tarde, así que _aseguran_ non tiñan outro xeito de facelo. Din que as case cinco mil prazas que se ofertan en Madrid fronte ás 830 de Galicia son unha oportunidade que non podían deixar pasar.

Conta Mercedes que todo comezou case como unha broma, pero cando comprobaron que os exames da oposición en Madrid eran pola mañá e en Galicia pola tarde, a idea foi madurando ata acabar por concretarse. Ela, canda dúas compañeiras e un compañeiro, farán a viaxe de volta dende Madrid nun avión privado para chegar a tempo ao exame de Silleda.

Prefiren non falar de cantidades pero din que obviamente alugar un avión para catro non é barato, e que o fan con moito esforzo e por necesidade. Se querían facer os dous exames non había outra opción. En Galicia hai 8.738 inscritos para 830 prazas das que só unha parte son de acceso libre. Coidan que a oferta é escasa en comparación con outras comunidades. Madrid saca case cinco mil para trinta mil aspirantes.

Din que non agardaban que a súa viaxe espertara tanta espectación, confían en que todo este esforzo pague a pena e non ter que verse de novo nunha situación coma esta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/05/2019