CRTVG

Buscar

Encontro de investigadores para analizar unha vintena de proxectos galegos contra a covid-19

Publicado o 25/09/2020 15:40

A aposta pola investigación é esencial para vencer a covid-19. E con ese lema, unha vintena de equipos galegos presentaron os proxectos en que traballan.

É o coñecemento galego que nace da crise da covid-19. Proxectos que estudan, por exemplo, a xestión global da pandemia.

"Estamos todos na vacina, estamos todos no clínico. Pero cómo é a parte organizativa?. Se sumamos todas as decisiós tomadas e as súas consecuencias, podemos ter un simulador de decisións que nos axude ante calquera outra epidemia", explica Modesto Martínez, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Hai investigacións relacionadas cos contaxios, coa mutación do virus, cos tratamentos e coa diagnose. Na universidade de Santiago, o equipo de José Antonio Costoya traballa nun "test rápido que se poida facer en calquera punto de atención. Mesmo se se regula, nas própias casas".

A detección precoz segue sendo fundamental sen vacina. A pata en que os expertos sustentan o control dos contaxios. O médico especialista en xestión, Rafael Bengoa mantén que "en Galicia estano facendo ben. Se está detectando rápido e iso permite controlar os gromos puntuais dun xeito rápido e seguro".

En total, presentáronse unha vintena de proxectos que teñen colaboración económica e apoio institucional. Desde a Xunta, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e innovación defende que "unha emerxencia sanitaria, económica e social ten que ter unha resposta a través do coñecemento, da investigación, e do desenvolvemento tecnolóxico".

E nesa aposta pola innovación Galicia sitúase na carreira entre as elixidas para fabricar a agardada vacina.

Noticias web

25/09/2020