CRTVG

Buscar

En vigor as novas restricións nos concellos da Laracha e Vilalba

Publicado o 21/11/2020 16:47

Sanidade endurece as medidas na Laracha. O concello entra agora na área territorial que conformaban outros seis municipios da comarca de Bergantiños, polo que os veciños poden moverse no ámbito territorial conformado polos seis concellos de Bergatiños afectados polo peche perimetral. Tamén se limitan as reunións a persoas conviventes e pecha a hostalería, agás para servizos de entrega a domicilio ou recollida de comida para levar. Ademais, dende o propio Concello anuncian a suspensión de actividades culturais e o peche de parques infantís. 

"Era algo moi esperado, non íamos ser distintos aos demais e despois da subida de casos é moi normal que nos confinen tamén a nós. Normal que pechen os locais de hostalería, ao estar pechado todo ao arredor viñan para aquí, onte isto parecía o día da festa", comenta un veciño.

"O virus non ten patas, a culpa témola nós", di outro home. 

Tamén Vilalba espertou hoxe con peche perimetral. Non se pode entrar nin saír do termo municipal agás por razóns xustificadas nin están permitidas as xuntanzas entre persoas que non conviven.

Nunha cafetería só atenden os que veñen selar as lotarías, porque a hostalería non está aberta ao público, só para levar á casa.

A curto prazo apréciase un futuro difícil en todos os ámbitos.

Unha situación complicada que esixe da responsabilidade de todos para evitar que os casos de covid-19 sigan aumentando.

Noticias web

21/11/2020