CRTVG

Buscar

En Santiago de Compostela a intelixencia artificial controla a ocupación dun restaurante

Publicado o 30/05/2020 17:36

Este é o controlador de afluencia de visión artificial, un sistema electrónico que controla a cantidade de xente que está no interior dun local. Acábao de instalar por primeira vez en Santiago de Compostela un restaurante da zona histórica.

Segundo Miguel Ángel Diéguez, restaurador, o sistema consiste "nunha cámara intelixente, que o que fai é detectar as persoas que entran e saen do restaurante. Coa capacidade que nós lle temos establecida vainos dicindo como se encontra a ocupación do restaurante, se está cheo ou non o está".

O aparello rexistra vía Internet e de xeito totalmente anónimo o número de clientes que entran no local. Se se achega ao máximo permitido, neste caso sesenta persoas, restrinxe o acceso mediante un panel informativo na porta do establecemento.

"Na parte principal da entrada -conta Miguel Ángel- ten unha cámara que o que fai é detectar esa persoa, conta, e se polo que fose, a capacidade estivese completa con esa persoa saíría unha locución na que lle informarían ao cliente que está completo e automaticamente permitiríalle que agardase fóra ata que a pantalla cambiase a verde, indicándolle que pode entrar".

A fase dúas de medidas do desconfinamento en que actualmente se atopa Galicia, establece que os restaurantes só poderán permitir unha ocupación do 40 por cento do habitual, para garantir que se respecta a distancia de seguridade entre clientes, algo que permite este sistema de rexistro intelixente.

"A xente que o ve sorpréndese, pregunta que é iso que puxeches aquí e ti explicaslles un pouco o que é, é dinche que é unha idea interesante, todo o que sexa para estar seguros, benvido sexa", sentencia este restaurador.

O restaurante tamén adoptou outras medidas de hixiene: as cartas son físicas pero pódense consultar por Internet, e non hai portapanos de mesa. Para a semana, os restaurantes en Galicia pasarán do 40 ao 50 por cento de ocupación permitida, sempre iso si, que como neste caso, o controlador de afluencia intelixente o autorice.

Noticias web

30/05/2020