CRTVG

Buscar

En Oroso piden máis batidas contra os xabarís

Publicado o 13/09/2019 14:06

Veciños de varias parroquias de Oroso denuncian os danos que lles están a causar os xabarís nas súas leiras. Nesta zona próxima a Santiago, que é gandeira, abundan as plantacións de millo.

Na casa de Rafael, na parroquia de Senra, aínda falta máis dun mes para facer a colleita, e non saben o que lles vai quedar porque a desfeita é moi grande. Rafael Varela: "É millo de gran, de espiga para facer fariña e cóllese máis tarde que o do ensilado. Madura antes que o de ensilar, pero xa non o deixaron madurar".

Din que ven xabarís a diario. Esta noite, un pequeno entre o millo, e outro máis grande neste prado que os porcos bravos xa teñen medio desfeito.

Rafael Varela: "Esta noite encontreime no prado con el. Estaba comendo todo entretido. Traballando. Debía ter polo menos 80 centímetros de alto, como mínimo".

Algúns prexudicados deron parte a Medio Ambiente para poder acollerse ás subvencións.

Entre os corvos e os xabarís acábanlles coas colleitas. Xa non saben que facer para escorrentalos. 

Adolfo Lagares: "Eu póñolle o pastor todos os días, traio música e aínda lle puxen un paraugas de praia, para que estean a gusto".

Rafael Varela:  "Fan estragos porque non poden pastar as vacas pero á parte poden transmitir infeccións que sean difíciles de detectar ao seren enfermidades de animais salvaxes".

Queren que se fagan batidas para que a poboación de porcos bravos non medre tanto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019