CRTVG

Buscar

En Madrid retiran a neve contra o reloxo para evitar que a choiva do mércores causen asolagamentos

Publicado o 17/01/2021 20:41

As previsións meteorolóxicas agoiran unha situación ambivalente para Madrid desde o mércores. Ese día choverá e o xoves a auga chegará acompañada de fortes refachos de vento. Iso significa que as miles de toneladas de neve e xeo desaparecerán das rúas inevitablemente.

Ese é aspecto positivo, pero o plan agora consiste en retirar a maior cantidade posible de neve antes de que chegue a auga. Témense riadas, asolagamentos e o colapso na rede de sumidoiros. Esa é a parte negativa. Por iso, o alcalde madrileño, Martínez-Almeida, facía este domingo un pedimento especial: "Pídolles a todos os madrileños que non utilicen o vehículo privado. É fundamental que as rúas estean despexadas para que poidamos seguir traballando e poder recuperar a normalidade en todas as rúas de Madrid pola situación meteorolóxica que se vai producir. Por iso tamén lles digo que por primeira vez na historia de Madrid a Empresa Municipal de Transporte vai ser gratuíta luns, martes e mércores desta semana".

O alcalde aseguraba tamén que o lixo amoreado nas rúas quedará retirado antes de que remate o martes. A neve segue omnipresente na comunidade madrileña. Estas imaxes de dron foron captadas en Collado Villalba. Mentres, Emerxencias 112 facía balance da frenética actividade deste días.

Un operativo específico despregouse hoxe para retirar a neve nos acesos ás universidades. A Carlos III e a de Alcalá reinician mañá as clases, pero a Complutense apraza a volta ás aulas ata o día 20 e a Autónoma ata o 25.

Noticias web

17/01/2021