CRTVG

Buscar

En Brión empezan a usar o ozono para desinfectar vehículos e instalacións

Publicado o 11/04/2020 14:54

Este aparatiño con forma de ventilador é, aínda que non o pareza, un potente descontaminador. Unha vez que está prendido comeza a xerar ozono, un gas cun enorme poder de desinfección. É incoloro e ten un cheiro forte pero chega a lugares onde non accede un desinfectante tradicional. Por iso moitos concellos están incorporándoo como un instrumento máis para tentar loitar contra a COVID-19, un deles o de Brión, lindeiro con Santiago de Compostela.

Segundo Jorge Fernández, xefe de servizo do GES Brión: a vantaxe deste sistema é que "ao ser un gas entra en todos os sitios... Dá igual que sexa un teclado, un walkie, un teléfono, un casco de bombeiro... Non deixa residuos e saca cheiros tamén".

A diferenza doutros desinfectantes coma a lixivia, o ozono non xera residuos e esváese no aire tras un tempo prudencial. Cómpre ventilar correctamente despois de usalo pois pode provocar irritacións. En Brión, este xerador de ozono vaise empregar especialmente na desifección e limpeza dos vehículos e as infraestruturas dos servizos de emerxencias, forzas de seguridade e nas instalacións do concello.

"Ten un funcionamento moi sinxelo -ilustra Jorge Fernánde-, ten un temporizador que dependendo do tamaño onde o vaias poñer, poñeríalo máis ou menos tempo. Nos coches está recomendado entre catro e cinco minutos, a máquina con ese temporizador para soa, e despois deixas actuar o ozono uns vinte minutos en total, uns dezaseis minutos a maiores. Se a estancia é máis grande, poñeriamoslle máis tempo nese temporizador e deixariamos actuar igual o ozono.

O xerador de ozono supón un instrumento máis xunto coa lixivia e outros produtos desinfectantes para reducir as posiblidades de contaxio polo coronavirus. Pero non hai que esquecer que a principal medida contra esta pandemia empeza por cumprir un mesmo as normas de hixiene sanitarias.

Noticias web

11/04/2020