CRTVG

Buscar

Empresarios do Salnés reclaman mellor servizo de Internet

Publicado o 05/03/2020 13:54

Queda un mes para a apertura da campaña turística de 2020 e establecementos como este situado no Terrón, no concello de Vilanova de Arousa, están inmersos en obras de ampliación e de acondicionamento das súas instalacións. Fan melloras na prestación de servizos, pero hai unha que sitúan lonxe da súa man; a de Internet. Os datos van lentos e a clientela pide velocidade. E iso que, polo que contan, a conexión á fibra óptica está moi preto.

Luis Lorenzo, empresario de hostalería di: "Non sei por que, tampouco creo que sexa tan caro, pero non hai maneira. Contactamos con R, pero pídennos unha salvaxada de cartos que non podemos afrontar, porque a nosa tempada de traballo son seis meses e... vaia, quero dicir que isto vai fatal. Daquela, a ver se alguén nos pode axudar nisto, non sei se o presidente da Xunta pode botar man e que trate de axilizar isto ou a través do Concello se o alcalde ten poder para mover isto".

O representante dos hostaleiros nesta zona do Salnés, Emilio Leiro, di que o problema da lentitude en Internet sófreno tamén nas Sinas e en parte do Grove: "Este mesmo problema pasa en zonas do rural do Grove, en San Vicente e concellos do Grove e Sanxenxo teñen axudas europeas e ao mellor tampouco están a usar ese labor para levar a fibra ás zonas turísticas con máis servizo, o que non nos presta servizo é a administración a nós. Temos que vender servizos. E eses servizos, como wifi, non os temos. Niso estamos moi escasos, moi atrasados".

Lembran os empresarios turísticos que unha calidade deficiente en Internet hoxe en día supón perda de clientela e de actividade, polo que piden a acción das administracións.

Noticias web

05/03/2020

Máis sobre actualidade