CRTVG

Buscar

Empregan drons para acabar coas velutinas

Publicado o 02/08/2019 15:07

Últimos axustes antes de cumprir a súa misión: matar as velutinas que contén este niño situado a gran altura. Farano polo aire e mediante control remoto, grazas a este dron que dispara cápsulas biodegradables compostas por insecticida conxelado e perdigóns. Este é o método pioneiro que están aplicando na Mancomunidade do Salnés.

"É unha cápsula biodegradable. Aos dous ou tres minutos de entrar no niño o líquido insecticida evapórase e ás 24 ou ás 48 horas xa está repartido por toda a colmea", conta Jorge García, fundador da empresa de drons.

Unha vez neutralizan o niño, colocan este cartel para indicar que xa non hai actividade nel. Porén, esta técnica será empregada cando os niños non se poidan combater así, de xeito tradicional, coa axuda dunha grúa con cesto, xa que o dron trae consigo unha serie de vantaxes. 

"O guindastre do camión danos 15 metros de alto e podemos usar outra pértiga doutros 15 metros pero é moi complicado atinar", di Chema Pedrouzo, responsable da retirada de niños de velutina na Mancomunidade do Salnés.

"Practidamente non temos ningún niño que sexa inaccesible e aforramos moito insecticida. Reducimos un 90% a porcentaxe de insecticida para cada niño. É moito máis rápida a eliminación".

Levan unha semana traballando pola zona e os resultados din ser bos, mentres que a cifra de niños non fai máis que medrar.

"Estamos falando de 350 niños neutralizados no que vai de ano. É o triplo do ano pasado".

Esta empresa xa conta con varios encargos, que farán que o emprego desta tecnoloxía se expanda a outros territorios. Por hoxe xa remataron, pero de seguro que o volverán facer voar, sempre á mañanciña ou á noitiña, cando as velutinas estean no niño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/08/2019