CRTVG

Buscar

Empeza un mes decisivo para o futuro do Deportivo

Publicado o 01/05/2019 17:39

Sobre quen vai coller as rendas do Deportivo, polo de agora o único candidato oficial a suceder a Tino Fernández é Jesús Martínez Loira. O ex-conselleiro Fernando Vidal confirmou a Televisión de Galicia que aínda non tomou a decisión sobre se vai presentarse ou non.

Martínez Loira segue perfilando a súa candidatura, que ten previsto pechar en menos de dúas semanas. Será un consello formado por un mínimo de seis persoas e un máximo de oito. O candidato desvinculouse xa do Deportivo como asesor de proxectos estratéxicos e lanzou as primeiras propostas: se é presidente, creará o senado branco e azul e a figura de delegado especial da afección, como modelos de participación dos seareiros.

Pola súa parte, Fernando Vidal tomará unha decisión dentro dunha semana. En conversa coa Televisión de Galicia, asegurou que o fará despois de reunirse con Tino Fernández, de viaxe agora en América por motivos persoais. Quere que o actual presidente sexa a primeira persoa en coñecer a decisión. Vidal asegurounos que, mentres tanto, está á espera da aparición dun candidato, dixo, con experiencia.

A vindeira semana tamén se coñecerá a decisión de Manuel López Cascallar, que xa foi candidato á presidencia en 2014 e que estes días mantén contactos con pequenos accionistas.



 

Noticias web

01/05/2019