CRTVG

Buscar

Elsa segue facéndose notar en parte do país, con menos forza en xeral

Publicado o 19/12/2019 06:50

. De madrugada, en localidades como Sada, Baños de Molgas ou Ponteareas vivíronse situacións complicadas

. O 112 rexistraba contra as 21 h preto de 500 incidencias

. Hoxe volveu haber en Oia un refacho de vento duns 152 quilómetros hora

Elsa segue facéndose notar en parte do país, con menos forza en xeral

O centro de Sada, de noite-madrugada

O paso da borrasca Elsa deixou chuvia intensa e forte vento en boa parte do país e segue deixándoos nalgúns puntos, tamén con treboadas: o 112 rexistraba contra as 21 h preto de 500 incidencias, sendo a provincia da Coruña a máis afectada, pero seguro que a esta hora esa cifra queda curta.

Unha das localidades en que os veciños viviron momentos complicados foi a coruñesa de Sada, onde varias familias pasaron a madrugada ou parte dela fóra da casa tras anegarse as súas vivendas; algunhas xa se viran afectadas polas graves inundacións de hai 3 anos. A situación foi mellorando, pero o Concello repartíu trescentos sacos de area para utilizalos como dique de cara á preamar desta mañá. Tamén repartiron sacos de area noutro municipio coruñés, Fene, onde os ríos -sumados á preamar- causaron problemas.

As inundacións en distintas localidades levaron á Xunta a subir esta noite o nivel de alerta a emerxencia en situación 1. Moi pendentes estiveron e están do río Tea na vila pontevedresa de Ponteareas, onde desbordou obrigando a cortar polo menos unha estrada. Ao Arnoia miran na ourensá de Baños de Molgas, onde un día máis tiveron que cortar varias vías locais. De madrugada miraban o Miño en Ribadavia, que saíu do leito, como tamén fixo ao seu paso pola localidade pontevedresa de Salvaterra e polas cidades de Lugo e de Ourense, onde esta mañá se rexistran moitas incidencias, sobre todo polo vento.

En Val do Dubra -onde preocupa o caudal do Tambre- rebordaron varios regatos e houbo anegamentos nalgunhas casas: Meteogalicia rexistrou onte alí case cen litros de auga por metro cadrado, coma en Santa Comba, onde se produciron asolagamentos nas beiras do río. Aínda na provincia de A Coruña, houbo inundacións na capital, en Carballo, en Vimianzo, en Ames, en Cee, en Oleiros ou en Cambre, onde os Bombeiros tiveron que sacar a varios veciños das casas; Muxía foi outra das localidades en que a auga causou estragos. En Vigo este mércores desbordou o Lagares e houbo inundacións en distintos puntos, como as houbo en Pontevedra, en Cambados ou en Ribadumia.

O vento arrancaba onte en Cangas parte da cuberta dun edificio no centro da vila e en Camariñas levaba parte da da nova lonxa. Esta madrugada causou moitos problemas nas estradas, con árbores e colectores que obrigaron ós condutores a estaren moi alerta. Os camións seguen sen poder circular pola A8 no alto de O Fiouco, entre os concellos lucenses de Mondoñedo e Abadín.

Meteogalicia rexistrou xa hoxe un refacho de case 152 quilómetros hora no municipio pontevedrés de Oia. Houbo treboadas en distintos puntos do país que deixaron sen luz ós veciños e provocaron outras incidencias. A de onte foi ademais unha xornada de mala mar en practicamente toda a costa galega e a de hoxe tampouco vai ser boa, segundo as previsións. Tamén en terra van seguir a chuvia e o vento.