CRTVG

Buscar

Sobe a 3.700 quilos a cocaína comisada e a sete os detidos na operación Lince

Publicado o 30/03/2020 18:09
Sobe a 3.700 quilos a cocaína comisada e a sete os detidos na operación Lince

Un total de sete persoas foron detidas na operación que permitiu frear esta fin de semana a introdución de 3.700 quilos de cocaína a través das augas da ría de Arousa. En concreto, á detención dos dous tripulantes da lancha semirríxida que varou na desembocadura do río Umia, súmase o arresto este domingo doutras cinco persoas máis, todas elas galegas.   Destas cinco, catro detencións realizáronse na Guarda e unha en Cambados e a operación foi levada a cabo pola Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) do Corpo Nacional de Policía e o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil, ambas de Pontevedra, que contaron coa colaboración de Vixilancia Aduaneira.  

Fontes da investigación non descartan que se poidan practicar novas detencións. De feito, están a levarse a cabo rexistros tanto en Vilagarcía como na Illa de Arousa. Os dous primeiros detidos, un cidadán peruano e outro galego, prestarán esta tarde declaración ante a titular do xulgado número 2 de Cambados que instrúe o caso. Os cinco detidos o domingo comparecerán mañá martes. O máis probable é que todos eles o fagan por videoconferencia.

A operación Lince desencadeouse na madrugada do pasado sábado, día 27 de marzo, cando as forzas de seguridade tiveron coñecemento de que unha organización, á que levaban meses seguindo a pista, se preparaba para alixar esa noite unha importante partida de cocaína seguindo o método de transvasar a droga desde un buque auxiliar a varias planadoras para que estas o transporten ata o litoral.   Axentes da Udyco, Edoa e Vixilancia Aduaneira detectaron dúas planadoras á altura da illa de Sálvora, na entrada da ría de Arousa. Unha delas encallou nuns baixos na zona en que desemboca o río Umia, na costa de Cambados, e os seus dous tripulantes foron detidos.   A outra dirixiuse cara á costa de Ribeira (A Coruña) á vez que lanzaba pola borda os fardos que transportaba. Os seus dous tripulantes lograron chegar a terra, na zona de Aguiño, e conseguiron escapar monte a través.  

As forzas de seguridade trasladaron as dúas planadoras e a droga que contiñan, así como os fardos que foron rescatados da auga, ao porto do Grove. Finalmente, foron 3.700 quilos de cocaína os intervidos, o que converte este alixo nunha das intervencións contra o narcotráfico máis importantes das realizadas en Galicia nos últimos anos.

 

Noticias web

30/03/2020