CRTVG

Buscar

Durante o confinamento, a caída do consumo de gasolina superou o 70% en Galicia

Publicado o 26/06/2020 13:54

Durante o estado de alarma, Galicia rexistrou un descenso no consumo de carburantes para a automoción. No caso da gasolina a caída foi de máis do 70%. Así o confirman os datos da Federación Galega de Estacións de Servizo.

Por provincias, Ourense é a que notifica un descenso maior, chegando ao 73,4% en abril. Séguena  Pontevedra, co 71,6%; A Coruña, co 71,4%, e Lugo, cun 70,6% menos.

Se falamos do gasóleo A, as vendas caeron case un 60% en Pontevedra, un 58% en Ourense, un 54% na Coruña e un 45,1% na provincia de Lugo. Os únicos grupos de consumo que presentaron valores positivos con respecto ao ano anterior foron o de gasóleo B para uso agrícola que se incrementou nun 52,8% e o de gasoil para calefacción, un 40% máis, propiciado polo confinamento das familias nos seus domicilios.

O presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo, Benigno Redondo, asegura que é "optimista" no tocante á recuperación do sector e confía en que "se todo vai ben" se normalice o consumo de carburantes despois do verán.

A obriga de abrir as estacións de servizo, a pesar do mínimo volume de vendas, supuxo un "importante sobrecusto" para os empresarios do sector, segundo o presidente da patronal do sector en Galicia. É por este motivo que se lle solicitarán á administración axudas para paliar os gastos extraordinarios producidos polo servizo realizado durante o confinamento e que, nalgúns casos, supuxo para estes empresarios descensos na facturación que chegaron mesmo ao 90%.