CRTVG

Buscar

Dulcinea Aguín: "Era necesario que se contemplase o alugueiro por cuarto, que existía e non estaba regulado"

Publicado o 25/10/2019 10:21

Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga, asociación que agrupa propietarios de vivendas turísticas, explicou no Bos días que a recente sentenza do Supremo que permite o alugueiro vacacional por cuartos, só vén regular unha realidade que xa se estaba dando: "Nós desde o principio diciamos que era necesario que se contemplase ese alugueiro, porque se non tiñamos unha oferta, deses alugueiros por cuarto, que non estaba regulada nin rexistrada".

"É un modelo que existe desde hai moito tempo en moitos países de Europa, e hai moito viaxeiro que vai só, que lle gusta compartir experiencias estando nunha casa en que comparte espazos", di Aguín.

Desde a súa asociación aseguran que a súa intención é que haxa transparencia nos alugueiros vacacionais e que todos cumpran coa normativa: "Seguimos asesorando propietarios para que cumpran con todos os rexistros e permisos. Desde Aviturga é moi importante que todas a vivendas que se ofertan sexan legais".

Cumprir con esa regulación, aseguran, "é unha garantía para o cliente e para o propietario. É unha demanda que cada vez vai a maiores, e nós entendemos que hai que telos legais".

Dulcinea nega que se estea producindo un boom dos alugueiros vacacionais que estea detrás do incremento dos prezos da vivenda para alugar: "A maioría dos pisos que agora están rexistrados xa se estaban alugando, pero antes baixo a regulación do réxime da Lei de arrendamentos, e agora o que temos é un rexistro autonómico, polo que non é certo que aumentasen en 9.000 vivendas, porque a maioría xa se estaban alugando".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí