CRTVG

Buscar

Ducias de galegos seguen atrapados na Arxentina sen alternativas para voar a España

Publicado o 07/05/2020 21:13

A maior parte dos españois na Arxentina xa conseguiu volver ás súas casas nos seis voos especiais de Iberia, pero aínda queda xente pendente de facelo, entre eles decenas de galegos e residentes en Galicia. A prohibición ata setembro dos voos internacionais dende A Arxentina preocupa decenas de galegos.

Un deles é Xosé Ortigueira, que leva 60 días no país austral e que teme perder o seu emprego se non volve axiña a Galicia.

"O Ministerio de Asuntos Exteriores puxo seis voos a disposición dos españois para retornar á casa, pero resultaron insuficientes, quedamos moita xente atrás e tamén nos comunicaron que non teñen previsto poñer máis".

Unha situación que afecta anciáns, mulleres embarazadas, enfermos e tamén residentes de longa duración coma Cristian Castro, que vive na Coruña dende hai máis de 20 anos.

"O meu fillo naceu en Galicia, teño a miña empresa en Galicia, os meus amigos, aquí non teño nada".

Neste sentido, tanto galegos coma residentes piden que se programen máis voos para volver canto antes.

Noticias web

07/05/2020