CRTVG

Buscar

Dúas vivendas illadas no Courel polo derrubamento dun noiro

Publicado o 18/12/2018 14:11

O derrubamento dun noiro en Seoane do Courel deixou illadas dúas vivendas. O corremento de terras produciuse de madrugada e fixo que caeran toneladas de pedra, terra e cemento. O excesivo peso sobre o noiro e a intensa chuvia semellan ser as causas dunha caída que mantén cortada unha das vías máis transitadas da localidade da montaña luguesa.

Coma se lles caese un trono na porta. Esa foi a sensación que tiveron os veciños de Seoane do Courel co derrubamento deste noiro. Por causa da caída das pedras, terra e bloques de cemento, dúas vivendas quedaron illadas. Unha delas por completo e a outra só ten acceso cruzando pola casa dun veciño. Ante o risco de que a terra seguira caendo, a muller que reside no inmoble máis afectado tivo que fuxir por unha ventá en plena noite porque a porta quedou bloqueada. Agora fíxose un primeiro desentullo, pero o camiño e os accesos seguen pechados dado que aínda hai risco de que se volva mover a terra e porque na zona é moi difícil traballar con máquinas.

Sentiuse moito ruído e xa vimos que quedamos illados. Isto foi moi perigoso e a ver como acaba.

Oíuse como se caera un trono e foi pola mañá cando xa vimos a desfeita.

O derrubamento produciuse de madrugada, de xeito que ninguén pasaba polo lugar nese momento. E foi unha sorte porque a rúa é das máis transitadas tanto a pé como en coche, xa que leva ata a farmacia. Os veciños din que a intensa chuvia e o peso excesivo das obras que se facían sobre o noiro foron a causa do corremento E tamén cren que, se non houbera un muro de contención na parte baixa, os danos nas casas serían irreparables. Agora amósanse moi preocupados porque temen que, se segue a chover, acabe por vir todo abaixo.

Isto segue estando moi perigoso. Esperemos que se solucione canto antes porque pode seguir caendo.

Os afectados reclaman unha solución urxente a esta situación, tanto polo risco que aínda existe como polas molestias que causa.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/12/2018