CRTVG

Buscar

Dúas irmás galegas reciben o Premio Nacional de Deseño

Publicado o 05/11/2020 14:43

Son Eva e Marta Yarza, dúas irmás xemelgas que con 32 anos acaban de gañar o Nacional de Deseño. Falamos con elas no seu primeiro día de confinamento en Londres, a cidade que elixiron para montar hai 3 anos a súa axencia de deseño gráfico.

"Recoñeceuse o traballo que levamos practicando dende hai algúns anos en Londres e con moito esforzo, así que estamos moi felices", a que fala é Eva Yarza, de Yarza Twins.

Aínda que iniciaron camiños diferentes, Marta, na arquitectura, e Eva, na arte, ao final as súas vidas uníronse en Londres, onde estudaron o mesmo máster.

"Facemos deseño de marca, deseños de revistas, logos", apunta Marta Yarza, de Yarza Twins.  "Incluso portadas de libros ou deseño editorial", apostila Eva.

"Tamén facemos  videoclips, animación...", continúa Marta. Dende o seu estudio, traballan para marcas e artistas de renome internacional.

"Agora mesmo rematamos a xira do cantante Mika con toda a súa social media", comenta satisfeita Marta.

Non descartan nun futuro traer a axencia para Galicia. O que si teñen moi claro é que a súa terra está presente en todos e cada un dos seus deseños.

"Nós podemos facer un logotipo para un cliente en Nova York ou en Holanda, pero sempre será un logotipo galego", sentencia Eva.

 

 

 

 

Noticias web

05/11/2020