CRTVG

Buscar

Dúas enquisas electorais volven darlle a maioría absoluta a Feijóo

Publicado o 09/03/2020 14:45

Segundo publican os xornais ABC e El Mundo, Alberto Núñez Feijóo revalidaría en abril o cargo de presidente da Xunta con maioría absoluta.

O ABC dálle ao PP entre 38 e 40 escanos, cando agora ten 41. Máis cambios prognostica no bloque da esquerda. O PSdeG subiría máis dun cinco por cento en votos, conseguindo entre 18 e 20 deputados. Seguiríalle o BNG, que ascendería un dez por cento con 13 ou 14 escanos. A suba dos socialistas e nacionalistas faríase á conta de Galicia en Común. As confluencias deixarían no camiño un doce por cento dos votos e repregaríase a cuarta forza con 3 ou 4 escanos no Hórreo.

A enquisa do xornal El Mundo ofrece datos semellantes. Feijóo mantería a maioría absoluta pola mínima, titulan, e cunha repartición similar entre os outros partidos. As dúas sondaxes coinciden en que Vox e Ciudadanos quedarían fóra do Parlamento Galego: non obterían escanos pero os seus votos farían perigar a maioría absoluta do PP.

En canto á valoración de líderes, o popular Núñez Feijóo é o que mellor nota saca, rozando o seis. Séguelle o candidato socialista, Caballero; de terceira a nacionalista Ana Pontón e con peores cualificacións pechan a táboa Gómez-Reino, de Galicia en Común e Beatriz Pino de Ciudadanos. O ABC tamén pregunta aos enquisados a quen prefiren como presidente da Xunta. Case a metade escolle a Feijóo, un 18% a Caballero e un 14 a Pontón.

Noticias web

09/03/2020