CRTVG

Buscar

Dúas empresas galegas defenderon o seu nome ante as multinacionais e gañaron

Publicado o 27/02/2019 16:52

Como sucedeu na pasaxe bíblica, o pequeno acabou co xigante e a xustiza deulles a razón a dúas empresas galegas que loitaban pola súa marca. Unha delas é unha adega de Meaño que bautizou o seu viño co nome da avoa, Anadigna, algo que a Codorniu non lle gustou.

Carlos Rey Lustres, adegueiro: "Eles alegaban que utilizaba a palabra Ana que a consideran como parte do seu patrimonio, Anna de Codorniu que é o seu cava máis famoso, eu díxenlles por activa e por pasiva que era un nome propio, un nome familiar, da miña avoa, Anadigna, que entendía que non tiña nada que ver, era totalmente diferenciador, á parte de que os produtos eran diferentes, un é un cava outro é un viño albariño, pero, vaia, o mercado está así".

A liorta acabou no Tribunal Supremo e gañou a pequena adega de albariño que só quería homenaxear a avoa que lle inculcou o amor polo viño.

A outra é Yatecomeré, unha empresa de Ribadumia dedicada á elaboración de produtos gastronómicos de alta calidade. Conseguiu que a xustiza europea anulara o rexistro da marca YateKomo pola confusión que xeraba.

Arturo Navas, director xeral: "O seu produto é que se soe chamar 'comodity', é un produto correcto que están nos lineais e que moita xente consome e que funciona moi ben, e o noso é un produto de alta calidade, máis de nicho, un produto feito sen aditivos, que busca a calidade que busca probablemente outro tipo de cliente".

Tras anos de litixio estes dous galegos senten fachenda de loitar polo seu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2019