CRTVG

Buscar

Dous positivos máis elevan a 35 os casos activos no brote da Mariña

Publicado o 01/07/2020 14:05

A Consellería de Sanidade informou de que outros dous positivos elevan a 35 o número de casos activos de coronavirus detectados no brote da Mariña, na provincia de Lugo, por parte da Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

O primeiro caso foi detectado o pasado martes -día 23 de xuño- no municipio de Xove e desde entón fóronse analizando todos os contactos das persoas que se viron afectadas, de modo que ata este momento foron realizadas máis de 500 probas PCR.

En canto aos 35 casos positivos, a maioría son asintomáticos ou presentan cadros moi leves, aínda que teñen igualmente a obrigación de gardar unha corentena de 14 días.

Dúas persoas están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable.

En canto ás persoas cuxo resultado foi negativo, permanecen en seguimento nos seus respectivos domicilios, asesorados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

É importante respectar as medidas de prevención, máscaras, lavado de mans e distanciamento social. A maioría dos positivos son xente nova, de entre 20 e 40 anos.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, di que se detectaron "moitas festas non autorizadas e moitas comidas das que están saíndo positivos". "Se non gardamos as normas de seguridade, será dificil regresar á normalidade", engade.

400 persoas confinadas e suspensión de festas, verbenas e ocio nocturno na Mariña ata novo aviso. A poboación pensa que tal vez houbo relaxación das medidas de prevención.

Son poucas as comunidades autónomas onde non se notificou algún brote localizado. Uns 50 focos activos en España. Un dos últimos varios empregados dun matadoiro con 400 traballadores na localidade catalá de Avinyó.