CRTVG

Buscar

Dous novos positivos en Ourense por contacto co viaxeiro da República Dominicana

Publicado o 02/08/2020 21:10

O Carballiño está este domingo no punto da atención sanitaria, porque se detectaron dous contaxios que teñen relación familiar directa co viaxeiro procedente de Santo Domingo, o primeiro caso positivo en Galicia xurdido do rexistro de viaxeiros. Os tres infectados permanecen illados neste concello con estrito seguimento médico. O rastrexo dos seus contactos foi intenso desde onte.

Tamén na provincia ourensá, no concello de Chandrexa da Queixa, hai catro casos positivos importados. Son persoas que están temporalmente na aldea de Fitoiro e proceden de Cataluña e Aragón, dúas comunidades con alta incidencia de covid-19. Mentres, en Vilar de Barrio, os casos mantéñense estables en nove.

En relación co rexistro de viaxeiros, xa noutra provincia, na coruñesa, prosegue a busca dunha parella de mozos belgas que se fuxiu cando lles ían realizar unha proba PCR no hospital da Barbanza. Hoxe transcendeu que presentaban unha sintomatoloxía compatible co coronavirus. A policía de Ribeira segue na súa procura.

Noutro escenario, na Mariña luguesa, a semana remata cunha sensación de situación controlada, despois das medidas adoptadas, os contaxios seguen estables en 39, os mesmos ca onte, pero cun matiz impotante. Apareceron dous novos positivos, que se compensan con dúas altas médicas. Así e todo, a cifra dista moitos dos 180 contaxios de mediados de xullo.

E hoxe soubemos tamén que o gromo comunicado onte na área de Vigo e orixinado nun aniversario familiar sumou un novo positivo, co que o total de afectados ascende a seis. Esta é a sexta repunta que rexistra a área sanitaria de Vigo. Crese que os contaxios se produciron nunha reunión de varios membros dunha mesma familia para celebrar un aniversario. 

Noticias web

02/08/2020