CRTVG

Buscar

Dous mortos e un ferido grave en accidentes acontecidos esta noite en Santiago e Muxía

Publicado o 03/10/2020 14:51


O mal estado da estrada pola choiva, a velocidade e a mala sorte semella que se conxuraron para rematar cun resultado tráxico no sinistro que se produciu esta madrugada en Marrozos, dentro do termo municipal de Santiago de Compostela.

Na estrada que xunta este concello con Ourense, sobre a unha e media da mañá, un vehículo iniciaba unha manobra de adiantamento por un carril dobre, cando supostamente perdeu o control, virou sobre si mesmo e invadiu o carril contrario, onde bateu contra outro turismo.

Segundo Miguel Rodríguez, sarxento primeiro da Garda Civil de Tráfico en Santiago de Compostela: "Supostamete foi un coche, o Mercedes, que ía subindo polo dobre carril adiantando outro coche, un BMW, de cor branca. Invadiu, perdeu o control, fixo un trompo e foi en sentido contrario cara ao outro carril. Baixaba o Seat Ibiza, e chocou frontalmente contra el, co resultado dunha persoa falecida, o condutor do Seat Ibiza".

A colisión foi tan forte que o vehículo que invadiu o carril contrario quedaba cunha roda no interior da carrocería. Porén, foi o coche máis pequeno, o que recibiu o impacto, o que levou a pior parte. O seu condutor, un home de 57 anos domiciliado en Santiago, perdía a vida sen que os servizos de emerxencia puidesen facer nada por evitalo. Os Bombeiros de Santiago tiveron que excarcerar o condutor do turismo máis grande, que sufría diversos traumatismos e foi evacuado consciente ao complexo hospitalario de Santiago.

"Foi un golpe bastante forte, -afirma o Sarxento Rodríguez-. Dease conta da velocidadade a que poden subir e outro pode baixar, a colisión foi seca e bruta: a parte frontal coa traseira do Mercedes. Aí é tamén onde pode notarse un coche moderno dun coche antigo: tema de airbags, de todo".

O accidente obrigou a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Santiago, que colaborou na operación, a habilitar un carril de paso para o escaso tránsito que circulaba pola zona a esa hora. Horas antes, outro condutor perdía a vida nunha saída de vía acontecida en Muxía.

Noticias web

03/10/2020