CRTVG

Buscar

Dous galegos conseguen o número un nos MIR de Enfermería e Farmacia

Publicado o 19/02/2020 21:26

Pablo e Daniel teñen 26 e 24 anos respectivamente. Os dous estudaron na Universidade de Santiago. E son noticia porque, entre milleiros de aspirantes a MIR, conseguiron a mellor nota nos exames de Enfermería e de Farmacia. 

"Desde setembro estudei oito horas diarias. Ao final, máis. Os días facíanseme curtos", di Pablo. Pagou a pena. Pablo conseguiu ser o mellor entre 11.000 aspirantes a Enfermeiros Internos Residentes. Iso supón que pode escoller praza e hospital. 

"Sei que quero facer a especialidade de Enfermeiría familiar pero aínda non sei onde. En Galicia, seguro", afirma. "Se puidese cambiar algo, potenciaría a enfermeiría en xeral, e daríalles un empurrón ás especialidades".

Pablo ten 26 anos e estudou en Santiago. Como Daniel, que nos enviou un video desde Uganda no que conta como é alí o seu traballo, coa construción desde cero e sen case oirzamento dunha farmacia hospitalaria de urxencia.

Alí soubo que sacara a mellor nota do FIR. Daniel asegura que sacar un número un é cuestión de sorte e de moito traballo. Ten claro que quere dedicarse á Farmacia Hospitalaria. A ser posible, no Hospital de Santiago de Compostela.

Mentres iso chega, fixo do voluntariado en África unha parte da súa vida. "Aprendes a valorar moito as cousas que tes; é duro, pero creces doutra maneira", asegura.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/02/2020