CRTVG

Buscar

Dous feridos de gravidade é o saldo que deixan dous accidentes nas estradas galegas

Publicado o 14/12/2019 20:39

Un vehículo circulaba pola N-550, á altura do quilómetro 124, preto de Pontevedra, antes das sete da mañá, con escuridade absoluta. Viña dunha recta, e ben por exceso de velocidade, por un despiste, ou un esvaecemento non viu a rotonda e acabou por bater cunha casa.

O Sarxento da Garda Civil Óscar Álvarez, do destacamento de Tráfico de Pontevedra conta que observaron que foi unha saída de vía, pola marxe dereita. Que un BMW, conducido por un varón, chocou contra unha casa e que como consecuencia resulta ferido de gravidade.

Un home que escoitou o golpe do impacto do vehículo na casa do seu veciño, a carón da súa, explica que foron dous camioneiros os que alertaron os servizos de emerxencia. Moi explícito conta que foron dous rapaces que pasaban cun camión en sentido contrario ao do accidente e que dixeran que viran voar, literalmente, o coche. O home asegura que foron eles os que pararon, chamaron o 112 e todo iso.

Non é a primeira vez que un coche se bota da vía neste punto e impacta con esa mesma vivenda, da que é propietario  José Ramón Couso. Relata a TVG como estaba na cama e como se lle moveu todo arredor. Di que el mesmo pensou para si "outro que petou contra a casa". Porque segundo asegura xa debe ser o terceiro ou cuarto vehículo. Di que o último impacto, antes deste de hoxe, provocou un burato na parede de abaixo e que lle voaron pedras ata o outro lado da casa.

E un veciño de Vigo duns corenta anos está tamén grave despois de bater a súa bicicleta contra un obstáculo tirado no medio da vía, a PO-344, a que une Gondomar e Tomiño.

Fernando Núñez, que acompañaba no pelotón ao ciclista ferid relata que o accidentado esvarou,  levou un golpe tremendo na cabeza e que  empezou a convulsionar asustándoos a todos. Segundo o viviu conta Núñez que por un momento chegou a poñerse morado, case sen respirar. Enfadado di que agardaron 45 minutos de reloxo pola ambulancia e que lle parece unha vergoña.

O obstáculo, un pedazo de madeira caído sobre o asfalto, estaba na baixada cara a Tebra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/12/2019