CRTVG

Buscar

Dous falecidos tras estrelarse unha avioneta en Tarragona cando se dirixía ao aeroporto de Reus

Publicado o 11/10/2019 09:00

Dúas persoas morreron esta noite na localidade de Bonastre, en Tarragona, ao esnafrarse a avioneta dunha escola de pilotos. As vítimas son un instrutor e un alumno que realizaban prácticas de voo nocturno. 

Eran pouco antes das nove da noite, cando se perdeu todo contacto coa avioneta que saíra da súa base en Sabadell e se dirixía ao aeroporto de Reus.

O aparello, un monomotor de catro prazas, pertencía a unha academia de pilotos e auxiliares e nel ían un instrutor e un alumno para realizar unha práctica de voo nocturno.

Pero cando voaban sobre a localidade de Bonastre, en Tarragona, a avioneta perdeu altura e foi bater contra o muro dunha leira por razóns que aínda se descoñecen.

Os servizos de emerxencia foran alertados da desaparición do aparello que puido ser localizado arredor das once da noite cos seus dous ocupantes mortos.

Aviación Civil e os Mossos abriron unha investigación para determinar as causas do accidente, pero haberá que agardar a coñecer os datos que achegue a caixa negra do aparello sinistrado.