CRTVG

Buscar

Dous encapuchados atracan unha farmacia de Vigo cun revólver e un coitelo

Publicado o 25/09/2019 13:51

Dous encapuchados entraron ameazando cunha pistola e cun coitelo nunha farmacia de Vigo a plena luz do día. Os atracadores tardaron apenas uns minutos en esixirlle á farmacéutica o diñeiro en metálico da caixa para despois fuxir a pé pola rúa de Tomás Alonso.

A policía busca os asaltantes e a unha terceira persoa que os agardaba fóra. Foi ás cinco da tarde, xusto cando saían os nenos do colexio, polo que o despregamento policial na zona chamou moito a atención dos veciños que se sorprenderon polo sucedido.

Foi cuestión de minutos e a plena luz do día, nun momento de moito movemento nesta rúa de Tomás Alonso. Ás cinco da tarde dous encapuchados entraron nesta farmacia armados cunha pistola e un coitelo cos que intimidaron a farmacéutica para levar o diñeiro da caixa.

A súa fuxida foi igual de veloz e a pé por estas rúas nun momento en que moitos nenos saían dos colexios da zona. Rapidamente varias dotacións da policía acudiron ao lugar tras recibir a chamada de auxilio da farmacéutica que inmediatamente despois do roubo premeu o pulsador da alarma.

Os veciños e comerciantes da zona están moi sorprendidos pola hora á que foi e polas armas utilizadas para perpetrar o atraco.

O botín non chega aos 200 euros. A policía, que rastrexou a zona durante horas, busca dúas persoas novas e unha terceira que agardaba fóra, supostamente para facilitar a marcha dos atracadores. Tamén investigan se a pistola puido ser unha arma de simulación. O roubo foi gravado polas cámaras de seguridade da propia farmacia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/09/2019