CRTVG

Buscar

Dous encapuchados asaltan un bar de Padrón para roubar a comecartos

Publicado o 04/10/2019 13:40

É o terceiro bar de Padrón asaltado en menos dun mes. Foi a madrugada do xoves. O dono, que atende o negocio a medias coa súa nai, pechou o local contra as tres menos cuarto. Suponse que os delincuentes o estaban vixiando, porque uns minutos despois un veciño que acababa de chegar da rúa sentiu balbordo e achegouse ao local sen sospeitar que eran os ladróns. 

María Mariño, dona do bar: "Estaba esperto cando oíu un ruído forte. Pensou que eran o meu fillo e o camareiro e baixou para falar con eles pero atopouse cos ladróns e escapou. Foi el o que chamou a Garda Civil e o meu fillo. A Garda Civil chegou rapidísimo. Cando chegou o meu fillo xa estaban aquí pero os ladróns escaparan, non os colleron".

Os delincuentes forzaron a reixa e a porta do local. Tiveron tempo de desvalixar a máquina comecartos da que levaron uns mil euros. María Mariño,dona do bar: "A cámara gravou dous encapuchados petándolle á máquina cuns martelos pero non sabemos quen son, ao ir encapuchados non se sabe".

É o segundo roubo neste local que leva aberto case dúas décadas. A dona di que esta rúa, a carón do campo de fútbol de Padrón, é moi solitaria, sobre todo polas noites, e bota en falta máis vixilancia.

Noticias web

04/10/2019