CRTVG

Buscar

Dous dos CDR detidos admiten que preparaban sabotaxes pero non atentados contra persoas

Publicado o 26/09/2019 09:25

Nas próximas horas está previsto que pasen a disposición xudicial na Audiencia Nacional os sete membros dos CDR detidos o luns por presuntos delitos de rebelión, terrorismo e tenza de explosivos. Dous eles recoñeceron ante a Garda Civil que compraron substancias explosivas para a fabricación de artefactos, pero só co obxectivo, aseguraron, de facer ruído e non de atentar contra persoas. 

Cinco dos detidos negáronse a declarar ante a Garda Civil. Só dous dos membros dos CDR detidos responderon aos interrogatorios. Admitiron que preparaban accións contundentes, que chamaron sabotaxes, porque decidiran incrementar a intensidade das accións que levan a cabo desde hai dous anos, mesmo meter ruido de cara ao aniversario do referendo do 1 de outubro e a inminente publicación da sentenza do procés. Recoñeceron que adquiriran parte do material comisado nalgunhas vivendas rexistradas o luns e que participaran na elaboración de substancias incendiarias para empregar en barricadas, mesmo que fixeran probas con explosivos. Pero negaron que tivesen nunca nin a vontade nin a capacidade de provocar actuacións que puidesen cualificarse de terroristas nin que producisen danos a persoas.

Esta operación policial chegou onte ao Parlamento catalán, ao debate de política xeral. O presidente Quim Torra defendeu o pacifismo do movemento independentista que, asegurou, se intenta criminalizar.

"Queren criminalizar o movemento independentista, acusándoo non só de ser rebelde, senón terrorista. Cando o debate está perdido, a calumnia é a arma do perdedor. Pero non permitirei máis que se volva asociar un movemento radicalmente democrático co terrorismo. Non o permitirei máis", dixo Torra.

Non permitirei nunca que se queira asociar un movemento radicalmente democrático co terrorismo”.

Torra acusou o Goberno central de crear unha montaxe xurídico-político-mediática. Respondeulle Pedro Sánchez desde Nova York.

"O presidente catalán teno ben sinxelo, moi doado. Se non quere que o independentismo se relacione con acción violenta, ten que denunciar, condenar e criticar calquera uso da violencia de calquera grupo vencellado co independentismo", dixo o presidente do Goberno en funcións. 

Onte repetíanse as concentracións diante dun cuartel da Garda Civil para esixir a posta en liberdade dos membros dos CDR detidos, en que se berraron consignas contra as forzas de seguridade, ás que acusan de querer relacionar o independentismo co terrorismo en vésperas da sentenza do procés.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/09/2019