CRTVG

Buscar

Dous burros sorprenden os peóns circulando polo centro de Ourense

Publicado o 20/06/2019 22:33

Dous burros circulando polo medio da rúa sorprendían hoxe os condutores e peóns na cidade de Ourense. Unha peregrina que fai a Ruta da Prata tiña que mercar calzado e levou con ela os animais. A escena quedou rexistrada en canto móbil se cruzou con ela.

Tráfico denso esta mañá en Ourense. Aos coches habituais sumáronse estes dous burros, Tita e Babu, que avanzaron polas principais arterias da cidade, a Habana e o Progreso, ante a mirada expectante de cantos se cruzaban con eles.

"Eu crieime na aldea, con burros coma min, pero xa había tanto tempo que non os vía así de cerca". "É extraño, orixinal. Pero para comer aproveitarán as cunetas, claro". "Nós viñamos pensando se están facendo o Camiño de Santiago", comentan os peóns.

Tamén fixeron algunha parada mentres a súa dona, Bárbara, facía unhas compras para o camiño. De non ser porque lle cumprían uns zapatos, di, non se metería cos animais polo medio da cidade.

Autodefínese como nómada e amante da natureza. É suíza pero vén desde Francia e é a primeira vez que fai o Camiño, pola ruta da Prata. Vai amodo, ao ritmo que marcan os animais: "Vivir no momento e viaxar a pé, paisaxe, natureza e non cidades, o que pasa é que ás veces é inevitable".

O seu periplo polo centro de Ourense prolongouse durante máis dunha hora, en que captaron todas as miradas e atencións. Unhas para ben...: "Encántanme os burros e nunca acariñara ningún, así que tiven que achegarme para acariñalo".

E outros tirando de retranca...: "Estamos cheos de ver bicis e patinetes estorbando ao público. E agora, burros. A ver se mañá veñen os concelleiros cos burros atados a eles".

Antes de reemprender a ruta, Tita e Babu aínda tiveron tempo de tomar un aperitivo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019