CRTVG

Buscar

Dous bares de Santiago foron asaltados cinco veces en seis semanas

Publicado o 02/12/2019 13:33

Un bar e restaurante do polígono compostelán da Sionlla sufriu o venres preto das sete da mañá o terceiro roubo en pouco máis dun mes. Asaltárono pola fachada posterior, onde forzaron con panca a porta. Polo que conta o encargado, custa máis a reparación dos danos que deixaron que o que roubaron.

"Levamos tres en cinco semanas. Paréceme excesivo xa. Agora veñen con moita asiduidade. Entre as dúas últimas non pasou nin unha semana.  Esta vez foi  pola zona de atrás, para intentar levar todas as moedas da caixa e pouco máis, os cartos do bote tamén e facer algúns estragos na cociña, e así foi o conto".

Os ladróns levaron tamén a cámara da videovixilancia, o que non impediu que a acción quedase rexistrada.

"Parece que son tres persoas as que se ven na gravación que ten a policía nacional. Veñen encapuchados, con pasamontañas, con capuchas e é díficil identificalos, parece ser.
Parece ser que hai unha nova banda que se dedica a estes roubos aproveitando que hai pouca vixilancia, pouco alumado público".

Un establecemento da zona do Castiñeiriño, tamén en Santiago, foi asaltado onte de madrugada por segunda vez en mes e medio. Catro individuos romperon a cristaleira cun pico, que deixaron no bar, e leváronlle a máquina do tabaco, botellas e cartos.

Tamén neste caso ocasionaron danos importantes. O ruído que fixeron espertou algún veciño, que presenciou a acción e chamou a policía. Os ladróns fuxiron no coche, supostamente roubado, en dirección á Estrada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019