CRTVG

Buscar

'Dolor y gloria' e Antonio Banderas, candidatos aos Globos de Ouro

Publicado o 09/12/2019 17:46
'Dolor y gloria' e Antonio Banderas, candidatos aos Globos de Ouro

'Dolor y gloria', a película do director manchego Pedro Almodóvar, foi proposta como mellor película de fala non inglesa na 77 edición dos Globos de Ouro, mentres que o seu actor protagonista, o malagueño Antonio Banderas, como candidato como mellor actor dramático. Estes premios, organizados pola Asociación da Prensa Estranxeira de Hollywood, están considerados como a antesala dos famosos Óscar.

'Dolor y Gloria' competirá na categoría de mellor película estranxeira coas cintas 'Parásitos' (Corea do Sur), 'Retrato de unha mujer en llamas' (Francia), 'Los miserables' (Francia) e 'The farewell' (Chinesa-EUA). Banderas, pola súa banda, terá como rivais na categoría de mellor actor dramático a Christian Bale ('Le Mans 66'), Adam Driver ('Historia de un matrimonio'), Jonathan Pryce ('Los dos papas') e Joaquín Phoenix ('Joker').

Entre as candidaturas deste ano destaca tamén a actriz hispano-cubana Ana de Armas como mellor actriz de comedia ou musical pola película 'Puñales por la espalda'. Competirá con dous pesos pesados como son Cate Blanchett ('Where'd You Go, Bernadette?') e Emma Thompson ('Latexanight'), así como con Awkwafina ('The Farewell') e Beanie Feldstein ('Súper empollonas').

'Historia de un matrimonio' plántalle cara a Tarantino e Scorsese 

Con seis candidaturas, Historia de un matrimonio impúxose a 'El irlandés', de Scorsese, e 'Érase una vez en... Hollywood', de Tarantino, que recibiron cinco candidaturas cada unha a pesar de que partían como as grandes favoritas. Detrás do podio, empatadas en cuarta posición, quedaron 'Joker', a polémica cinta protagonizada por Joaquín Phoenix, e 'Los dos papas', con catro nomeamentos cada unha.

Esquécense do final de 'Juego de tronos'

'Chernobyl', 'The Crown' e 'Creedme' dominaron hoxe con catro candidaturas cada unha as propostas para uns Globos de Ouro que mostraron moi pouco agarimo polo adeus de 'Juego de tronos', unha serie que marcou historia na televisión pero que só logrou unha mención para Kit Harington.

Por detrás de 'Chernobyl', 'The Crown' e 'Creedme' quedou un amplo pelotón de series con tres candidaturas: 'Barry', 'Big Little Lies', 'Fleabag', 'El método Kominsky', 'Fosse/Verdon', 'The Morning Show Succession'. Ademais, Netflix, con 17 candidaturas, impúxose no seu duelo fronte a HBO, con 15 mencións, por ser a plataforma ou canle de televisión con máis candidaturas.